viernes, 25 de mayo de 2012

En capítulos anteriores...

Pasou moito tempo desde a última vez que escribín aquí, diversos motivos impedíronmo ou provocaron que nin sequera tivese ganas de facelo.
En torno ó proxecto pasaron moitas cousas e espero poder relatar sen extenderme demasiado un pouco do sucedido durante este tempo.

O obxectivo desde o principio era chegar á carreira de Cabral e conseguímolo, as últimas semanas foron un traballo contrareloxo, con moitas cousas por facer, moitas cousas por pensar e todo sen probar.

Finalmente a dirección é un obra mestra, é sen dúbida o que mellor nos saíu, ten moitas horas de traballo pero o resultado é óptimo.
O que máis problemas nos deu foi o sistema de freado. Moitas horas pensando no mellor método e sen nada no que basearnos. 
Tíñamos diante nosa o gran problema que supuña o peso do conxunto (ó final roldaba os 300KG) e tiñamos que conseguir un sistema que nos permitise frear esa mole con seguridade. 
Cometemos algúns erros de novatos, a nosa idea era que fose o piloto o que frease, é o lóxico non?, aínda que despois vimos que no mundo dos carros de bolas pois non é tan lóxico se non mais ben o contrario.
Inventamos un sistema de pancas utilizando o eixo e os pedais de 4 bicicletas, tendo así un sistema de freado no que o piloto dispuña de dous pedais para activar o freo. Con este sistema os dous ocupantes da parte traseira tamén podían axudar ó piloto a frear.
Ata o día da carreira todas as probas que realizaramos eran na casa de Rut e nun pequeno desnivel duns 10 metros como moito, non sabiamos como respondería a dirección pero xa intuíamos que o freo non frearía o suficiente.



Dia "D"

A véspera da carreira estivemos todo o día e ata as 2-3 da mañá intentando terminar, non nos deu tempo así que no día D quedamos á primeira hora da mañá para rematar. Case terminamos antes do mediodía, fúmonos a comer e volvemos para finalizar o pendente e realizar unha proba antes da carreira. Isto era unha hora antes da que debiamos presentarnos para a carreira.
Subimos o carro de bólas á furgoneta "Barciela Sport" e fomos a probalo. Tirámonos por unha costa(que ninguén me pregunte onde era) e todo foi ben ata que chegamos a unha curva e tivemos que frear... algúns abandonaron o barco ante o que era un naufraxio evidente, os que seguimos a bordo (Toru incluído) dirixímonos a unha caída dun metro e pico facendo un recto perfecto e acabando no medio duns piñeiros.
Enganchamos o carro á furgoneta para poder sacalo de onde se atopaba e aquí comezaron as xurdir as dúbidas.
Tanto eu como Fran estabamos de acordo en que non podiamos participar nesas condicións porque realmente era un perigo e non pasariamos da primeira curva, en cambio Artur amosou un optimismo sorprendente e organizou todo para que á hora correspondente estivésemos inscritos e cun plan B.
E alí estabamos, cos nervos do estudante que afronta un exame sorpresa e co noso sistema de freo reforzado cun par de pancas agarradas con bridas de metal. Aínda por encima chovía.

A primeira baixada era de proba, tirámonos con cautela e á que o carro colleu algo de velocidade probamos a frear... e freaba! O invento improvisado funcionaba, funcionaba tan ben que case nos paramos. 
Baixamos bastante amodo, era a primeira vez que realmente estabamos probando como ía o carro e ante a dúbida do freo e como se comportarían os rodamientos coa estrada mollada era o mais sensato.
Esta primeira baixada deixounos moi boas sensacións e a impresión de que podiamos correr sen preocuparnos por nada máis que a velocidade.

Na segunda baixada fomos bastante ben aínda que todabía freamos demasiado e démonos conta de que practicamente só había que frear nun par de curvas. O carro era unha marabilla que nos permitía ata coller cruzados as curvas (pena que non haxa ningún vídeo disto). Esta baixada deunos a confianza absoluta.

Na terceira rolda fomos a lume de biqueira :D, nos sectores mais lentos ata empuxamos para coller mais velocidade, freamos o mínimo imprescindible e creo que case foi perfecta...
case porque a escasos metros da meta atopámonos coa curva mais falsa do percorrido, que non é precisamente pechada, á que non chegas a demasiada velocidade pero que te cuspe coma se non te quixese alí.
E así terminamos... chocando contra unha pedra que desintegrou o rodamiento dianteiro dereito e que provocou que o carro virase 45º no aire (recordade 300KG) enviando a Fran e Artur 
ó chan. Afortunadamente non foi nada grave para ningún.


O carro e o proxecto quedaron aparcados, foi tanto o que nos consumíu en esa última semana que a ninguén lle apetecía velo diante en moito tempo.


A ver se consigo algunhas fotos de como quedou ó final.



No hay comentarios:

Publicar un comentario